Thursday 02 de May de 2024

O PSOE de Ordes abstívose no POS 2015 ao non incluírse o arranxo da pista do Piñeiro, do vial de Lesta a Mercurín e da N-550 a Fosado


Xesús Pedreira agradece que o POS recolla gran parte das propostas socialistas pero indica que as tres que quedaron fóra “consideramos que son moi importantes e que deberían facerse”

O PSOE de Ordes abstívose na votación do POS 2015 ao non incluír o arranxo de tres pistas que “consideramos que son moi importantes e moi necesarias para os veciños e veciñas de Ordes, polo que deberían facerse canto antes”, explica o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira. Trátase do arranxo da pista do Piñeiro (detrás do cemiterio de Ordes), do vial que une a N-550 e Fosado e do vial que une Lesta e Mercurín.

“Sabemos que os cartos son os que son, pero estas tres obras son moi necesarias e non podiamos dar o noso voto a favor se non se contemplaban”, xustifica Pedreira Mirás. Non obstante, o voceiro municipal socialista recoñece que a proposta do Concello de Ordes “recolle gran parte das nosas propostas e unha achega económica de máis de 120.000 euros”.

Mocións

Os socialistas tamén destacan o apoio recibido por todas as súas mocións, aínda que lamentan especialmente o voto en contra do BNG e a abstención do PP na súa moción de apoio ao sector leiteiro. “Que o PP de Ordes xustifique a súa abstención poñendo en dúbida os datos que ofrece a Consellería de Medio Rural é francamente surrealista”, sinala Pedreira Mirás, quen lamentou non contar co apoio do BNG a “unha batería de propostas para garantir a supervivencia das 177 explotacións de leite existentes en Ordes”

Así mesmo, o PSOE sacou adiante a súa moción para o mantemento do programa “Preescolar na casa”, onde Concello e Xunta de Galicia achegasen o financiamento necesario para o mantemento deste servizo en Ardemil e Vilamaior; e contra a pobreza enerxética, para solicitarlle á Xunta unha liña de axudas que garanta o subministro nos fogares con menos recursos.

Finalmente, os socialistas de Ordes xustifican a súa oposición á moción sobre as terrazas presentada polo BNG en que “o único problema é que non hai vixilancia. A ordenanza é correcta e está ben motivada, o que hai que esixir que se vixíe e que se cumpra”, apunta Xesús Pedreira.